martes, 16 de octubre de 2012

VII Encontro de escritoras/es novas/os no Auditorio da Cidade da Cultura. 24 nov 2012

Fuente: http://axendaaelg.blogaliza.org
O sábado 24 de novembro de 2012 celebrarase o VII Encontro de escritoras/es novas/os no Auditorio da Cidade da Cultura.
Este ano, o formato consiste na organización de grupos de traballo sitos en diferentes cidades galegas -formados por escritoras e escritores novas/os e creadores doutras disciplinas como poden ser a danza, as artes plásticas ou a música-, grupos que na actualidade xa están inmersos nun proceso de creación desenvolvido ao longo dos últimos meses, e que rematará o día da celebración do Encontro, cando teñan a oportunidade de mostraren as súas propostas creativas e falárennos de como as desenvolveron.
Con esta iniciativa, o VII Encontro de escritoras/es novas/ostratará de ser unha pequena plataforma dende a que mostrar ao vivo os diferentes xeitos de creación dun espectáculo escénico interdisciplinar, partindo das orixes ata a presentación ante o público e tendo como punto de partida o texto e a palabra. Unha oportunidade de achegarnos aos procesos de creación colectiva, rachando a soidade á que normalmente estamos acostumados e debatendo sobre eles, non só dende unha visión teórica senón tamén práctica.
Como parte da programación, asemade, queremos lanzar un convite aberto a tod@s aqueles/as creadores/as que ao longo das súas traxectorias persoais teñan realizado algún traballo de creación en vídeo onde se misturen varias disciplinas, xa sexan videopoemas, pezas de vídeo arte, videodanza…. para que as compartan con nós noEncontro do día 24 dentro dunha mostra que pechará a xornada.
As pezas de vídeo poderanse enviar ata o día 12 de novembro, ben por correo ordinario a:
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Avda. Alfonso Molina, s/n
Edificio de Sindicatos, 8º andar
15008 A Coruña
ben ao enderezo electrónico encontroaelg@gmail.com.
As obras recibidas e seleccionadas subiranse ao portal da AELG, web que na actualidade está a piques de cumprir os doce millóns de visitas, sendo consultada dende multitude de puntos xeográficos de todo o mundo. Agardamos sexa do voso interese, e convidámosvos a que dende agora enviedes as vosas pezas de vídeo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario